07 Feb
07Feb

Insecto fácil de recoñecer tanto polo seu aspecto como polo seu canto. Os adultos miden entre 17 e 23 mm de lonxitude; son de cor negra brillante, con manchas amarelo douradas na base das ás dianteiras e co fémur alaranxado antes da base. 

A cabeza é grande e ten dous ollos compostos e 2 ou 3 ocelos; ten tamén un aparello bucal masticador potente e un par de antenas longas, formadas por uns 30 segmentos. No tórax ten 3 pares de patas, as posteriores máis desenvolvidas; as patas dianteiras son típicas: os tarsos teñen todos 3 segmentos e o fémur liso, mentres que as tibias teñen algunhas espiñas. 

Ten dous pares de ás: as dianteiras están ben desenvolvidas, cubrindo o abdome no machos pero son algo máis curtas nas femias, mentres as ás traseiras están moi reducidas e tapadas polas anteriores. No extremo do abdome hai dous cercos sensitivos e no medio, só nas femias, está o ovopositor, que está formado unhas valvas articuladas en toda a súa lonxitude, aparentando unha única estrutura; mide 8 - 12 mm de lonxitude. 

Os machos fan un ruído coas ás dianteiras ao fregalas para atraer ás femias; os seus órganos auditivos, cos que escoitan estes sons, están nas tibias das patas dianteiras.

Son animais crepusculares e nocturnos, aínda que é posible velos activos durante o día, tomando o sol para quentarse, especialmente na primavera e outono, en prados abertos e asollados, zonas de campiña e lugares secos e pedregosos.

Aliméntase de follas e talos tenros, aínda que pode devorar invertebrados. A súa alimentación é omnívora, pero a súa dieta é a base principalmente de materia vexetal. 

Son territoriais; o macho atrae á femia co seu canto desde a entrada a un buraco duns 30 a 40 cm de profundidade que o mesmo escava na terra; ao chegar a femia cambia o canto e esta colócase encima durante a cópula. Durante a posta, a femia introduce na terra, grazas ao ovopositor, decenas de ovos esbrancuxados que maduran baixo a terra. Deles xorden larvas semellantes aos adultos, que van sufrindo metamorfoses sinxelas; entérranse para pasar o inverno e na primavera aparecen como adultos.


Lugar de observación: Alto do Faro. Monte Faro. Rodeiro.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.