09 Aug
09Aug

Gaiteiro verde de entre 35-40 mm, de coloración xeral verde metálica escura. As femias son máis robustas e escuras que os machos, o que as fai de máis difícil localización. Os machos teñen os ollos azuis e pruinescencia azul sobre o tórax entre as ás e os dous primeiros e últimos segmentos do abdome. 

A parte posteroinferior da cabeza é escura, verde bronce ou azulada (ás veces clara en exemplares acabados de realizar a eclosión). O pterostigma é castaño moi escuro e negro nos exemplares adultos dunha lonxitude menor de tres veces a súa anchura.

Os machos cos apéndices anais superiores co seu dente interno apical menos afiado o basal; apéndices anais inferiores co seu ápice en forma de espátula e dobrado cara a dentro. Femias co terceiro par de valvas do ovopositor supera o extremo do abdome.

O desenvolvemento larval faise en zonas de turbeira e charcas eutróficas, máis frecuente en planaltos onde son máis comúns estes medios húmidos. Tamén pode ser atopado en canais de drenaxe e zonas húmidas costeiras, onde amosa certa tolerancia ás augas salobres.

En medios que secan no verán poden presentar poboacións moi numerosas. Polo xeral descansa coas ás entreabertas nun ángulo de 45º sobre o corpo. Voa entre xuño e finais de outubro.

É o único dos nosos gaiteiros verdes que tamén está presente en América do Norte. En Galiza está amplamente distribuído, aínda que non é unha especie común.


Lugar de observación: Brañas de Xestoso. Silleda.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.