25 Jul
25Jul

O corpo deste escaravello presenta unha tonalidade azul con reflexos violáceos moi rechamante. Os seus élitros curtos, deixan ao descuberto unha gran porción do abdome. Como todos os escaravellos da súa familia,  segrega unha substancia pegañenta e de cheiro desagradable cando son molestados. 

O seu ciclo de vida é moi particular. Ao final da primavera, a femia aumenta máis ca o macho ao ter o abdome inflado polos ovos. Escava un pequeno túnel en lugares areosos próximos a niños de "abellas da area" e deposita alí preto dun milleiro de ovos.

Os ovos permanecen así ata o principio da primavera seguinte, e eclosionan coincidindo coa saída das novas abellas. As larvas, que son moi activas, suben rápidamente pola vexetación e amontóanse á espera da chegada dunha abella, á que se enganchan coas súas patas dianteiras armadas de ganchos especializados.

Desta maneira son transportadas ao niño das abellas. Unha vez no niño, as larvas transfórmanse e crecen axiña alimentándose dos ovos da abella e das suas reservas de pole. Pasa un novo inverno en forma de pupa, e emerxe ao ano seguinte convertido nun adulto de aceiteira violácea. Os adultos aliméntanse de follas de diversas plantas.


Lugar de observación: Bustelo. Lebozán. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.