Paxaro de 17-20 cm. (9 cm. de rabo). Sexos semellantes. O macho en plumaxe estival ten as partes superiores cincentas azuladas e as inferiores e mitra amarelas; ás negras raiadas en branco; rabo longo, negro, coas rectrices externas brancas; lista superciliar e bigotes brancos; gorxa negra; patas pardas rosadas -o resto das lavandeiras téneñas negras-.
En plumaxe invernal o negro da gorxa pasa a branco. A femia é semellante ao macho nesta última plumaxe. Os inmaturos son algo máis pardos cás femias, pero co peito lixeiramente pintado.
A súa voz é un "tsit, tsit, tsit". (Escoitar Motacilla cinerea)
Voo moi ondulado. Seméllase á Lavandeira verdeal, pero nesta o dorso é pardo verdoso e o rabo máis curto.
Paleártica. En Europa localízase ao sur do mar Báltico e é sedentaria, agás en Alemaña e Polonia. Cría en toda a Península Ibérica onde é parcialmente sedentaria con invernantes. En Galiza é algo menos ca común e sedentaria con invernantes. Vese tamén de paso, principalmente no posnupcial en setembro-outubro.
Habita en ríos e regatos dende a beiramar ata a montaña, con preferencia polos cursos altos.
Aniña preto da auga. Pon de marzo a outubro 4-6 ovos cremosos apencados de gris que choca a femia durante 13 días; os polos voan ao cabo de 17. De unha a tres roladas, segundo a altitude. Aliméntase principalmente de insectos.
Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín.