17 Mar
17Mar

Paxaro de 13-14,5 cm. O macho en plumaxe nupcial é negro cincento co ventre abrancazado; riscas brancas nas ás; mitra e rabo arrubiados moi contrastados, coas rectrices centrais escuras; peteiro e patas negros. En plumaxe invernal as partes negras pasan a cincentas escuras. A femia e os inmaturos son pardos cincentos coas patas tamén pardas.

Voo curto e irregular, alternando bater de ás con escorregadas. Canto territorial estridente rematado nun agradable trino emitido dende un pousadoiro alto; nota de chamada un "chek-chek" seguido dun "chip". Conduta moi inqueda con movementos vibrantes do rabo; atrapa insectos manténdose quedo no ar; pousa moi ergueito.

En Galiza é común e sedentario con algúns invernantes; pódese observar tamén en paso. Está en expansión.

É un paxaro rupícola e podémolo atopar en canteiras, cantís, paredes fluviais verticais... Está ben adaptado ao medio humanizado de grandes edificios. Aniña en ocos. Pon dende finais de marzo ata xullo 4-6 ovos brancos brillantes que choca a femia durante 14 días; os polos deixan o niño logo de 16-18. Dúas e ás veces tres roladas.

Aliméntase principalmente de insectos, cempés, larvas e arañas, que caza en voo ou no chan; en inverno inclúe na súa dieta sementes e pequenas bagas.


Lugar de observación: Lago superior do Pontiñas. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.