Paxaro de 20-22 cm. Sexos iguais. Partes superiores pardas uniformes; peito e costas cremosos con numerosas pencas en punta de frecha aliñadas; ventre branco, menos pintado; infracobertoiras alares ocres; patas rosadas.
Os inmaturos teñen as partes superiores apencadas en amarelo. A súa voz de contacto en voo é "sip" e a de alarma un "chac-chac"; tamén emite desde as árbores un canto harmonioso con notas repetidas 2-4 veces. (Escoitar Turdus philomelos)
Na Península Ibérica é invernante e aniña unicamente no norte, onde é común. En Galiza é case común e sedentario con invernantes. Está en incremento.
Habita en arboredos, ribeiras fluviais, parques grandes; en inverno en pradarías e campos.
Constrúe un niño voluminoso en forma de copa en árbores e arbustos entre 2 e 4 m. Por de marzo a agosto 3-6 ovos azuis algo punteados que choca a femia durante 12-13 días; os polos deixan o niño ás dúas semanas. Dúas roladas.
Aliméntase de miñocas, insectos e larvas, froitos de hedra, bieiteiro, capudre, etc. e sementes. É característica a captura de caracois que escacha en determinadas pedras -zafras- deixando as cunchas indicadoras desta actividade.
Lugar de observación: Río Pontiñas. Lalín.