Talo de 15-60 cm., xeralmente macizo. Con 3-9 follas lineares a lanceoladas, frecuentemente (non sempre) con manchas; as inferiores de 3-15 x 0,5-3 cm., en roseta; as superiores bractiformes. Brácteas foliosas, xeralmente máis curtas que as flores. Inflorescencia densa. Perianto esbrancuxado, rosado ou lila. Sépalos laterais lanceolados, patentes, de 7-13 mm. Labelo trilobulado ou case enteiro, de 7-15 x 9-16 mm., con liñas e puntos rosados ou avermellados sobre fondo branco (segundo a densidade e a cor destas manchas, o aspecto do labelo pode ir desde case totalmente branco até lila ou púrpura máis ou menos intenso). Esporón cilíndrico e estreito, de 6-12 (15) x 1-2 (3) mm., de menor (de cando en cando igual) lonxitude que o ovario.
É unha das especies máis frecuentes no noso territorio, xunto con Serapias lingua. Pódese atopar prácticamente en toda Galiza, chegando a presentar altas densidades en puntos concretos, sempre que o hábitat sexa adecuado.
Habita en zonas con plena luz a media sombra, evitando os lugares moi sombríos, sobre substratos ácidos. Principalmente en lugares húmidos como prados, charcas, brañas, bordos de mananciais ou regatos. Tamén en queirogais, toxeiras, soutos, cunetas, etc.
Especie moi variábel en canto á altura e robustez de planta, tamaño do labelo e do esporón, cor das flores ou número das follas. Esta variabilidade levou á descrición de numerosas formas, ás que se lle adxudican diferentes categorías taxonómicas (especie, subespecie ou variedade). En Galiza citáronse as subespecies maculata (forma típica), caramulensis (similar á maculata pero máis robusta e considerada especie independiente), elodes e ericetorum (formas máis delicadas e de flores máis pálidas). Con todo as poboacións galegas son moi variábeis, con frecuentes formas intermedias, dificilmente atribuíbeis a algunha desas subespecies, polo que utilizamos Dactylorhiza maculata en sentido amplo, incluíndo tódas as variantes do grupo.
Diferentes coleópteros, himenópteros ou dípteros figuran entre os seus posíbeis polinizadores. Aínda que se trata dunha orquídea enganadora, as papilas do labelo ou a substancia viscosa que cobre a superficie estigmática podería ser colectada polos insectos.
Florece de mediados de maio a finais de xullo.
Lugar de observación:
- Foto portada e foto 1: Monte Faro. Rodeiro.
- Foto 2 e 3: Vilatuxe. Val de Reboiras.