Planta de 40-80 cm. de altura, rexa, cespitosa, moi estolonífera. Doada de diferenciar polas súas follas basais de 5-20 mm. de ancho, moi pelosas.
Inflorescencia máis longa cá folla floral, formada por moitos glomérulos pequenos, de 2-5 flores. Pezas do perianto acastañadas, de 2-3 mm, as internas máis longas cás externas, con ancha marxe hialina.
Estilete máis longo có ovario, e anteras moito máis longas cós filamentos. Froito en cápsula de 2-3 mm. (ou sexa, coma os tépalos).
Florece entre abril e xuño. Especie nemoral, que atoparemos nos lugares sombrizos e húmidos, como sotobosques de todo o país. A nosa subespecie é endémica do NW da Península.
Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.