Talo de 15-50 cm., con 2 (3) follas basais grandes, elípticas a ovais, de 6-20 x 2-8 cm.; 1-4 follas pequenas polo talo. Brácteas foliosas, un pouco máis curtas que as flores. Inflorescencia laxa con flores brancas que despiden un agradábel aroma. Sépalos laterais ovais, dirixidos cara os lados, de 8-12 x 4-6 mm.; sépalo central formando un casco laxo cos pétalos. Labelo estreito en forma de lingua alongada, de 9-18 x 2-4 mm., xeralmente colcante e co extremo tinguido de amarelo-verdoso, esporón filiforme, branco verdoso, claramente máis longo que o ovario, de 18-30 mm. Polinios paralelos.
Está citada nas 4 provincias galegas, aínda que de forma moi dispersa e escasa en todas elas, excepto na área do Courel-Pedrafita e arredores, onde é un pouco máis frecuente.
O seu hábitat é en zonas de plena luz a media sombra, sobre sustratos variados. En Courel-Pedrafita aparece preferentemente sobre calcarias, en pasteiros con frecuencia alternando con matogueira. No resto de Galiza en brañas e prados máis ou menos húmidos, zonas de trasduna, claros de matogueiras e de bosques, dende o nivel do mar ata os 1.250 metros.
Esta orquídea é polinizada por varias especies de bolboretas nocturas ás que atrae mediante a produción de néctar, visíbel no extremo do esporón, e o agradábel aroma que desprenden as súas flores, especialmente ao solpor. Ademáis, as cores brancas ou cremas das flores reflicten a luz nocturna facéndoas moito máis visíbeis aos polinizadores. A composición do néctar é diferente á doutras orquídeas do xénero e actúa como un mecanismo de selección dos polinizadores en poboacións onde conviven distintas especies de Plantanthera.
Esta especie debería estar protexida en Galiza debido á súa escasa representación, aínda que non está ameazada a nivel global.
Florece dende finais de maio ata finais de xullo.
Lugar de observación: Serra do Candán.