28 Mar
28Mar

Planta con rizomas reptantes dos que xorden as follas, lineares, planas, reviradas, esvaiñadoras, de máis de 1 metro de altura e 8-20 mm. de anchura, así como os talos floríferos ou escapos (bofardos), que acadan 250 cm. Estes levan na parte superior unha espiga de 8-15 cm. de longo de flores masculinas, amarelas, formadas por estames mesturados con longos pelos simples. 

Ao caer as flores masculinas este espazo fica baleiro. Mesmo baixo esta espiga, ou separada por un espazo mínimo (menos de 2,5 cm.) atopamos a feminina, acastañada, de 8-20 x 2-3 cm., mesta e cunha consistencia que lembra o pano de veludo, con flores con estigma espatulado, rodeadas de pelos e sen bractéolas.

Florece entre maio e agosto en toda Galiza. Moi común en hábitats acuáticos de augas someras, a miúdo con Sparganium erectum.

Empréganse os bofardos para adorno, especialmente despois de tinguilos de cores, e tamén para canas dos foguetes.


Lugar de observación: Lago do Pontiñas. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.