Saurio que carece por completo de patas, dándolle un aspecto de cobra, das que se diferenza polas pálpebras móbeis, as escamas da zona ventral son do mesmo tamaño que as dorsais e a cola é longa e autotomizábel.
Pode chegar aos 30 cm. de lonxitude sumando cabeza e corpo, máis habitualmente non supera os 20 cm. A cola mide entre 1 e 1,3 veces esta lonxitude. A coloración dorsal é parda ou marrón, uniforme nos machos, aparecendo unha banda dorsal ocre máis clara cunha liña vertebral negra nas femias.
Ventralmente teñen a mesma coloración que no dorso, pero algo máis escura, podendo ser nalgúns casos de cor negra.
En Galiza está presente nas catro provincias, sendo algo máis abundante nas zonas de alto grao de humidade e máis escaso nas zonas máis secas.
(Mapa de distribución da especie)
É a especie menos termófila dos nosos saurios, preferindo zonas húmidas, con densa cobertura vexetal, ás veces incluso lugares sombríos. Os seus lugares preferidos son os pasteiros, bordos de bosques e camiños, terreos de cultivo, procurando evitar as zonas moi despexadas.
Trátase dunha especie ovovivípara, parindo crías xa completamente formadas. Estes partos prodúcense entre os meses de xuño e setembro, despois dun período entre dous meses e medio a tres de xestación. As crías miden ao nacer entre 38 e 50 mm. de lonxitude (cabeza+corpo) e entre 65 e 90 mm. de lonxitude total. É moi característico o seu deseño, posto que teñen unha ancha banda dorsal de tons dourados cunha liña vertebral escura moi fina, sendo os costados e o ventre de cor completamente negra.
Debido a que non é un réptil especialmente rápido, é moi limitado o seu abano de alimentos, destacando as miñocas, gasterópodos, larvas de insectos e araneidos. Hai citas de consumo de crías de lagarta das brañas e de cobra de colar, e mesmo canibalismo.
Trátase dunha especie moi abundante e amplamente distribuída por toda Galiza, facéndose algo máis escasa nas zonas máis secas. Entre as principais ameazas figuran a destrución de hábitats, abuso de praguicidas agrícolas, os incendios e o tránsito rodado.
Lugar de observación: Monte do Carrio. Lalín.