Cobra de tamaño pequeno ou mediano, entre 55 e 70 cm., podendo chegar a alcanzar os 86 cm., aínda que as tallas máis habituais adoitan roldar os 60 cm.
Ten 1 placa preocular, 2 postoculares, 1 loreal e 8 ou 9 supralabiais, das que as 4ª e 5ª están en contacto co ollo. A placa rostral é ancha e non penetra entre as internasais. Ten unha característica liña negra desde o ollo até a comisura da boca. Contándoas en un anel no centro do corpo, dispón de 21 escamas dorsais (máis raramente 20 ou 22).
Coloración dorsal de fondo ocre, pardo ou gris, con manchas redondeadas ou transversais oblicuas de cor parda escura. Ás veces, preto das escamas ventrais aparecen unhas manchas vermellas no bordo de cada escama. Detrás da cabeza hai unha gran mancha escura que se bifurca no pescozo formando un U. A coloración ventral adoita ser abrancazada ou amarelenta, cunhas características manchas rectangulares negras, dispostas como escaques de taboleiro de xadrez.
Limítase aos países mediterráneos occidentais. Ocupa toda a Península Ibérica, excepto algunhas zonas da Cornixa Cantábrica. En Galiza, ao contrario que a Coronella austriaca, abunda máis en Ourense e Pontevedra. De presenxa puntual no norte da Coruña e Lugo, e máis rara ao sur. Alcanza os 750 metros de altitude en O Caurel.
(Mapa de distribución da especie)
Ao ser mediterránea, é máis termófila que a Coronella austriaca, polo que prefire zonas máis secas e pedregosas con boa insolación. Incluso onde coinciden ambas, a Coronella girondica elixe máis sol e menor altitude. No norte de Galiza prefire as toxeiras e o monte baixo orientados ao sur. Na metade máis meridional ocupa desde muros de pedra a norios e bosques aclarados.
Ao contrario que a Coronella austriaca, só ten unha época reprodutiva, habitualmente na primavera, e non é ovovivípara, senón ovípara. Cada femia deposita entre 5 e 10 ovos (segundo o tamaño da femia), brancos e moi alongados (entre os 25 e 34 mm. de lonxitude e os 12 e 16 mm. de anchura).
Ao igual que a Coronella austriaca, aliméntase fundamentalmente de lagartas, capturando tamén crías e adultos de micromamíferos. Na súa dieta tamén poden entrar diversos invertebrados, especialmente coleópteros.
As principais ameazas son os incendios forestais e o atropelo en estradas, debido ao seu carácter termófilo que as fai tomar calor no asfalto.
Lugar de observación: Alto do Santo Domingo. Dozón.