25 Apr
25Apr

Serpe de entre pequeno e mediano tamaño, entre 55 e 65 cm., podendo chegar a 100 cm., aínda que o maior exemplar atopado en Galiza medía 87 cm. Cabeza diferenciada do corpo, máis ancha na zona posterior que se estreita cara ao fociño. Dúas escamas preoculares, dúas postoculares, unha loreal e sete supralabiais, das que a 3ª e a 4ª tocan o ollo. Ten 21 dorsais, aquilladas (característico das Natrix).

No dorso a cor de fondo é variada, de marrón a avermellada, pasando por tons verdosos ou amarelentos. Ten unhas manchas dobres escuras, en moitos casos en zigzag, o que lle dá o nome de viperina, por semellanza coas víboras. Ás veces o deseño en zigzag é substituído por manchas illadas romboidais e, de xeito máis raro en Galiza, por dúas liñas lonxitudinais ao longo do dorso. Polos costados aparecen unhas manchas negras ou marróns, ás veces cun ocelo branco no centro.

A cor ventral é moi variábel, normalmente abrancazada ou amarelenta con manchas cuadrangulares escuras dispostas de forma irregular e formando un debuxo reticulado. Raramente poden ter unha coloración alaranxada ou vermella.

Está presente en toda a Península Ibérica, se ben é máis escasa en Cantabria, Asturias e Lugo. En Galiza está repartida polo centro e o sur, onde abonda, sendo máis escasa cara o norte, onde se localiza en certas cuncas fluviais pero non en zonas próximas.

(Mapa de distribución da especie)

Dependen da auga doce, polo que vive preto de ríos, lagoas, charcas, etc.

Fai dúas postas ao ano, unha en primavera (entre abril e xuño) e outra no outono (setembro-outubro). En cada unha por de 4 a 17 ovos (excepcionalmente 24), brancos e alongados, de 20-36 mm. de longo e 13-18 mm. de ancho.

Os xuvenís miden entre 13 e 19 cm. de lonxitude total e son similares aos adultos en deseño e cor, pero co deseño dorsal máis contrastado. A cabeza moi escura, case negra.

Aliméntanse fundamentalmente de presas acuáticas, tales como anfibios, peixes e invertebrados acuáticos.

É un dos ofidios mais abundantes da nosa xeografía, alcanzando nalgunhas zonas densidades moi altas, especialmente cara o sur. Como ameazas, destacamos a degradación dos ríos,  os herbicidas e a morte directa polos seres humanos ao confundilas con víboras.


Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.