07 May
07May

Cobra de tamaño mediano a grande, chegando aos 130 cm., aínda que habitualmente non superan o metro; sábese de casos excepcionais de 2 metros.

Cabeza grande, ancha e diferenciada, con ollos grandes. Ten 1 escama preocular, 3 postoculares, 1 loreal e 7 supralabiais (raro 6 ou 8), das que a 3ª e 4ª tocan o ollo. Posúe 19 fileiras de escamas dosais, aquilladas como na Natrix maura.

O dorso é de cor uniforme, verdoso, oliváceo ou pardento, aínda que non son infrecuentes os exemplares avermellados, azulados ou incluso prateados. Algúns adultos conservan vestixios do colar ou dalgunhas pintas dos exemplares novos.

A zona ventral é branca ou cinsenta, con manchas negras cuadrangulares distribuídas irregularmente, podendo formar un deseño negro uniforme na metade posterior do corpo. Non son moi raros os casos de melanismo, que pode afectar a poboacións enteiras, e si o son os de albinismo.

Presente en toda a Península Ibérica, aínda que é algo máis abundante no norte, onde poida que sexa o oficio máis común. Presente en toda Galiza, pero é máis abundante na metade occidental que na oriental. Habita desde o nivel do mar até os 1.400 metros de altitude no Courel.

(Mapa de distribución da especie)

Aínda que ten querenza pola auga, ten menos dependencia da mesma que a Natrix maura. Así, pode verse en bordos de lagoas, ríos e charcas, mais tamén en prados, campos de labor, fragas, piñeirais abertos e incluso en xardíns.

Pode ter 2 períodos de celo anuais, un ao principio do verán e outro en outono, mais este último non sempre. Cada femia pon entre 6 e 50 ovos por posta, aínda que excepcionalmente se sabe dunha de 105 ovos. Ao eclosionar, cada ovo mide entre 25-35 mm. de lonxitude e entre 16 e 21 mm. de ancho. Os xuvenís ao nacer miden entre 145 e 216 mm. de lonxitude total.

O máis característico desta especie é o colar branco, amarelo ou alaranxado bordeado de negro que teñen situado no pescozo. Ademáis, na maioría dos exemplares, existe un deseño ben contrastado branco e negro nas placas supralabiais e infralabiais, así como unha pinta de manchas escuras polo dorso.

Aliméntase sobre todo de anfibios (adultos e larvas), aínda que tamén peixes. Normalmente caza en terra, tendo menos dependencia da auga que a Natrix maura, polo que non se fan gran competencia alimantaria entre si.

Como dixemos, trátase dunha especie abundante e común en Galiza, onde non presenta problemas de conservación. Como ameazas a degradación das augas, a morte directa polos humanos e o atropelo, sobre todo de femias xestantes.

Lugar de observación: 

  • Os Muíños. Vilanova. Lalín.
  • A Trigueira. Zobra. Lalín.
Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.