Lagarto de aspecto serpentiforme de sección redondeada, patas moi curtas e cabeza pequena. Aínda que pode alcanzar os 40 cm. de lonxitude total, non acostuma exceder os 30 cm., sendo as femias máis grandes que os machos. A cola corresponde entre un 50 e un 59% da lonxitude total.
As patas son aínda máis curtas que as do esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), cunhas dimensións que oscilan entre 4-6 mm. Cada pata ten 3 dedos.
A cor dorsal é parda, oliva ou bronce, con 9 raias escuras (máis raramente 11 ou 13). O ventre é abrancazado ou gris claro, sen manchas. As escamas son grandes e lisas, entre 20 e 26 fileiras arredor do corpo.
A súa distribución mundial limítase á Península Ibérica e o sur de Francia, alcanzando unha pequena zona de Italia limítrofe con Francia. Dentro da Península Ibérica soamente está ausente na franxa costeira mediterránea. Está presente en toda Galiza, aínda que é máis abundante en lugares cálidos e abrigados, por exemplo nos toxais costeiros de Pontevedra e A Coruña. Pode alcanzar os 1.550 metros de altitude (Trevinca).
(Mapa de distribución da especie)
Vese habitualmente en lugares húmidos con vexetación herbácea e matos, sempre máis espallada que Chalcides bedriagai, e con bo sol. Nas zonas máis cálidas de Galiza pode habitar en prados con bastante humidade, como as que rodean as marismas costeiras. Pode chegar a colonizar terreos degradados polos incendios.
É unha especie ovovivípera, parindo cada femia entre 1 e 12 crías, normalmente no mes de agosto. As crías, ao nacer, miden entre 80 e 115 mm. de lonxitude total, sendo practicamente idénticos aos adultos.
A súa alimentación componse especialmente de arañas, homópteros, isópodos, coleópteros e caracois.
É bastante común e abundante nalgunhas zonas costeiras en nas menos frías do interior sendo, dentro da súa área de distribución, máis escasa nas illas, onde se produce un forte descenso das súas poboacións. Entre as ameazas podemos destacar a queima de restroballos, así como a presecución humana directa ao confundilos con cobras.
Lugar de observación: Monte do Carrio. Lalín.