Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Galiza

¿Que son os Centros de Recuperación de Fauna Silvestre?

Os Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Galicia son instalacións habilitadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co establecido no artigo 58º da Lei 9/2001 de conservación da natureza, para rehabilitar os animais salvaxes que son atopados en calquera lugar da xeografía galega enfermos, feridos, ou en necesidade de coidados especiais.

¿Onde están os Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Galicia?

Na Comunidade Autónoma de Galicia existen catro Centros de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS), un en cada provincia. Cada un deles se encarga da rehabilitación de toda a fauna silvestre enferma ou ferida recollida na súa provincia. As direccións e teléfonos de contacto destes centros son os seguintes:


CRFS de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña)
Lugar: Santa Cruz de Liáns
Concello: Oleiros
Provincia: A Coruña
Teléfonos de contacto: 981 960405 / 686 597745


CRFS de O Veral (Lugo)
Lugar: Estrada de Friol s/n
Concello: Lugo
Provincia: Lugo
Teléfonos de contacto: 982 207705 / 649 668922 / 649 668923


CRFS Alto de O Rodicio (Ourense)
Lugar: Alto do Rodicio
Concello: Maceda
Provincia: Ourense
Teléfonos de contacto: 628 358652


CRFS de Carballedo (Pontevedra)
Lugar: Chan, s/n. Carballedo.
Concello: Cotobade.
Provincia: Pontevedra
Teléfonos de contacto: 606 656017


¿Que ocorre cando un animal ingresa nun Centro de Recuperación de Fauna Silvestre?

Cando chega a un Centro de Recuperación de Fauna Silvestre un animal salvaxe que por diferentes causas, accidentais ou patolóxicas (feridas, intoxicación, extenuación...), non se pode valer por si mesmo no medio natural, séguense os seguintes pasos incluídos no protocolo habitual destes centros:

  • Admisión e toma de datos: Lévase a cabo un rexistro de entrada no que se anotan as causas aparentes de ingreso previas ao diagnóstico clínico, os datos da súa procedencia proporcionados pola persoa que o atopou, o tempo transcorrido entre o aviso e a recepción do  animal, así como outros que poidan ser relevantes para o seu tratamento e recuperación. A recollida adecuada desta información permite a elaboración de estatísticas de datos tales como especies con máis incidencias, puntos conflitivos, zonas con maior número de sucesos, etc..., que facilitarán o establecemento das oportunas medidas correctoras.
  • Diagnose e valoración clínica: O veterinario do centro realizará a primeira valoración clínica do animal e aplicará as medidas necesarias para a súa estabilización, tales como corrixir a deshidratación e hipotermia frecuentes nos animais silvestres feridos. Posteriormente, realizará as probas complementarias que poidan ser necesarias para unha diagnose completa como radiografías e análises, entre outras.
  • Tratamento e hospitalización: Unha vez estabilizado o animal e realizado o diagnóstico, aplícanse os tratamentos necesarios encamiñados á cura e recuperación do animal. O animal permanecerá aloxado na sala de hospitalización do centro durante o período de tratamento e ata que estea o suficientemente recuperado como para ser trasladado a unha instalación exterior.
  • Fase de rehabilitación: Unha vez reposto o animal precisará dunha fase de rehabilitación previa á liberación ou solta, co fin de que recupere totalmente a súa actividade e se poida desenvolver novamente no medio natural. Para iso, e dependendo dos requirimentos vitais das diferentes especies, estas serán aloxadas temporalmente en parques e cámaras de voo, piscinas e outras instalacións exteriores naturalizadas.
  • Liberación: Por fin chegará o día en que o animal pode ser devolto ao seu hábitat natural. A liberación realizarase preferentemente no lugar e zona dos que proviña, a non ser que o criterio técnico aconselle outra opción. Aqueles animais que polas lesións orixinais non puideran ser recuperados completamente para volver á natureza pero que poidan gozar dunha vida adecuada en catividade quedarán no centro ata que poidan ser cedidos a algunha outra institución, tal como centros de cría en catividade, parques zoolóxicos, etc...