¿Qué debemos facer se atopamos un animal silvestre enfermo ou ferido?

¿Que debemos facer se atopamos un animal silvestre enfermo ou ferido?

Un animal silvestre ferido ou enfermo, necesita da atención e dos coidados que se lle poden proporcionar nos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre para poder ser reintroducido de novo no medio natural.

No caso de atopar un animal neste estado o primeiro que deberás comprobar é que se trata dun animal silvestre e que realmente necesita axuda. A continuación da aviso inmediatamente a calquera dos seguintes centros ou servizos de asistencia para que sexa trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre correspondente: 

  • Ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da túa provincia
  • CRFS de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña) Teléfonos: 881.960.405 / 686.597.745
  • CRFS de O Veral (Lugo) Teléfonos: 982.207.705 / 649.668.922 / 649.668.923
  • CRFS Alto de O Rodicio (Ourense) Teléfonos: 628.358.652
  • CRFS de Carballedo (Pontevedra) Teléfonos: 606.656.017
  • Ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Delegación Provincial da Consellería da túa provincia
  • Ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil. Tel.: 062
  • Ao Servizo de Protección Civil Municipal no teu Concello
  • Ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia. Tel.: 112

Anota todos os datos que poidas do punto de recollida exacto (a localización, lugar, concello, etc...), a hora na que o atopaches e o estado do animal no momento da recollida. É moi importante que entregues toda esta información escrita á persoa que o recolla para que os expertos poidan aplicar o tratamento correcto, e sobre todo para que sexa devolto ao seu punto de orixe cando estea restablecido.


¿Como prestar axuda a un animal silvestre ferido?

Recorda sempre que o máis probable é que o animal estea nervioso ou teña medo e intente defenderse, polo que é fundamental evitar que te faga dano.

Se inda así consideras que podes recollelo por ti mesmo, necesitarás unha manta, toalla ou unha peza de vestir ampla para envolvelo lixeiramente antes de levantalo do chan. Deberás colocarte sempre ás súas costas para envolvelo e manterte afastado do alcance das súas patas e boca ou peteiro.

Se non estás seguro non intentes collelo, xa que poderías facerte dano e/ou mancar o animal. Neste caso, agarda xunto ao animal polo servizo de asistencia.


¿Como actuar tras recoller un animal silvestre enfermo ou ferido?

Se xa colliches o animal e está esperando polo servizo de asistencia para o seu transporte, é recomendable que procedas do seguinte modo:

  1. Introduce ao animal nunha caixa de cartón adecuada ao seu tamaño e con buratos para que poida respirar.
  2. Unha vez que o teñas dentro da caixa, retira a manta coa que o colliches.
  3. Non lle poñas auga nin comida.
  4. Non introduzas na caixa palla ou outros materiais que puidesen ensuciar as súas feridas.
  5. Manteno nun lugar illado do ruído e da xente e con pouca luz, tal como un cuarto escuro.

Recorda que baixo ningún concepto poderás quedar en posesión do animal, xa que iso supón, ademais dun grave prexuízo para o mesmo, unha infracción á Lei 9/2001, de Conservación da Natureza.