Como actuar se atopamos morcegos na casa

Varias especies de morcegos poden chegar a refuxiarse no interior das nosas casas, habitualmente en gretas dos tellados, aínda que tamén é posible atopalos en caixóns das persianas, fendas das paredes, faiados, chemineas ou outros ocos dos edificios. Dependendo da especie, os morcegos teñen preferencia por uns ou outros lugares de refuxio.

Todas as especies atópanse protexidas (Convenio de Berna, Convenio de Bonn, Directiva Hábitats, Catálogo Nacional de Especies Ameazadas) e son relativamente frecuentes, xa que souberon adaptarse á vida en vilas e cidades. 

As especies presentes no noso territorio son bastante pequenas polo que é habitual que as persoas que as atopan pensen que son crías e traten de recollelas. Os morcegos non son agresivos e non atacan, pero ao ser animais silvestres poden reaccionar tentando morder cando tratamos de capturalos. 

Desde aquí recomendamos que non se manipulen a non ser que sexa inevitable, e de ter que facelo, sempre provistos de luvas. 

Nalgúns casos atópanse uns poucos exemplares (menos dunha decena), mentres que noutros podémonos atopar un elevado número formando unha colonia reprodutora (varias decenas ou mesmo centos de morcegos). 

As colonias de cría adoitan establecerse en abril ou maio e permanecen no refuxio ata agosto ou setembro. Se o número de individuos é pequeno, polo xeral non adoita provocar molestias, á marxe da sorpresa que poidan levar os inquilinos da casa. 

Se, pola contra, o número é elevado, os morcegos poden provocar ruído, cheiros ou manchar algunha zona cos seus excrementos ("guano").

Os morcegos prestan importantes servizos aos ecosistemas como polinizadores, dispersores de sementes e controladores de insectos. Serían necesarios millóns de euros e toneladas de pesticidas para substituír o seu papel controlando as pragas dos cultivos de millo e arroz. Ademais, os morcegos aliméntanse, entre outros, de mosquitos hematófagos que poden transmitir enfermidades ás persoas, polo que reducen o impacto de moitas enfermidades, como a malaria, salvando moitas vidas humanas. Ademais o "guano" é un excelente fertilizante natural para as nosas plantas.

¿Como actuamos se nos atopamos con morcegos na nosa casa?

Se nos atopamos un morcego solitario:

Na maioría das ocasións os morcegos entran nas casas por equivocación polo que debemos facilitar a súa saída:  

Se o atopamos dentro da casa durante a noite e cando está a voar, bastará con pechar todas as portas da habitación e deixar a xanela aberta para que poida saír.

Se atopamos o morcego durante o día, pousado no teito ou nunha parede e non parece ferido, podemos atrapalo utilizando unha caixa de zapatos ou similar (ver secuencia de fotografías, abaixo), e tapándoa despois cunha cartolina. A caixa debe dispoñer de pequenos buracos para a súa ventilación, tamén é recomendable colocar un trapo no seu interior para que o morcego se sinta máis seguro e un pequeno recipiente de auga para que poida beber. A caixa debe ser mantida en sitio fresco e silencioso ata o momento da liberación do morcego. 

Fonte: SECEMU

Pola noite, abriremos a caixa e deixaremos ao morcego nun lugar elevado (pode utilizarse o peitoril da xanela) para que poida levantar o voo. É preciso evitar coller o morcego coas mans espidas, xa que podería mordernos.

Se atopamos unha colonia de morcegos:

En xeral, se a colonia está no tellado ou no beirado da casa, é moi probable que non ocasione molestias, polo que poderemos convivir coa colonia sen ningún inconveniente. Con todo, convén tomar certas precaucións como non tocar as acumulacións de excrementos e, se son moi abundantes, retiralas con máscara para evitar inhalar o po; en caso de manipular algún morcego, sempre utilizar luvas.

IMPORTANTE: Unicamente cando as molestias ocasionadas sexan notables, pode considerarse a posibilidade de expulsar aos morcegos do lugar. Nesta situación, deberíase avisar primeiro aos axentes de protección da natureza, para que eles teñan coñecemento da situación, faciliten a autorización pertinente e tomen as medidas necesarias para a súa exclusión. 

Se se observa un número elevado durante a primavera ou o verán, o máis probable é que se trate dunha colonia reprodutora, que incluirá femias adultas e as súas crías. As crías adoitan nacer en xuño e durante as primeiras 3-4 semanas non son capaces de voar, polo que permanecen constantemente no interior do edificio. Por este motivo é conveniente non expulsar unha colonia nos meses de maio, xuño ou xullo, xa que aínda que consigamos expulsar algúns exemplares, as femias tenderán a entrar posteriormente para buscar ás súas crías.

Resulta máis seguro, respectuoso e sobre todo máis efectivo, esperar a setembro ou outubro, cando a colonia xa finalizou a cría. Neses meses, pódese colocar un plástico colgando a modo de cortina por diante da fenda de saída dos morcegos. Este plástico deixará saír aos morcegos, pero non lles permitirá volver entrar, e desta forma asegurarémonos de que os exemplares abandonan o refuxio. Aquí podemos ver un par de exemplos: 

Logo de 2 ou 3 días, podemos revisar a fenda á noitiña para comprobar que xa non saen morcegos, e nese caso, poderemos tapar a fenda con calquera material (madeira, escuma illante, etc.) que impida definitivamente a entrada de novos morcegos. Se a colonia utiliza varias gretas para saír, procederemos a pechalas progresivamente.

Fonte de información: SECEMU (Asociación Española para a Conservación e o Estudo dos Morcegos)

Se tedes morcegos na casa ou nalgunha das vosas propiedades e necesitades información, podedes consultar ou poñervos en contacto con: