¿Sospeitas dun envelenamento de fauna ou da colocación de cebos envelenados?

O uso ilegal dos cebos envelenados no medio natural

A colocación de cebos envelenados no medio natural produce cada ano a morte dun gran número de exemplares de fauna silvestre protexida e de animais domésticos, ao utilizarse sustancias tóxicas non selectivas e que avanzan moi rapidamente a través da cadea trófica dos ecosistemas naturais.

Esta práctica prohibida, que constitúe un importante factor de risco para a conservación das especies ameazadas, está tipificada como delito no Código penal (artigo 336) e como infracción administrativa na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade (artigo 80), na Lei 9/2001, do 21 de agosto de conservación da natureza (artigos 63 a 65) e na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia (artigo 86). Os danos que provoca aos animais de compañía, son tamén sancionados pola Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade (artigo 22).

(Fotografía extraída do libro "Reyes, osos, lobos, espátulas y otros bichos". José A. Valverde) 


A loita contra o uso ilegal de velenos no medio natural de Galiza.

Coa finalidade de controlar, e finalmente erradicar, este grave factor de ameaza da biodiversidade, a Consellería de Medio Ambiente elaborou o “Plan de acción e loita contra o uso ilegal de veleno no medio natural de Galiza” seguindo as directrices da Estratexia nacional contra o uso ilegal de cebos envelenados no medio natural, aprobada no ano 2004 pola Comisión Nacional de Protección da Natureza (Ministerio de Agricultura, Medio Ambiente e Alimentación).

O devandito plan comprende un conxunto de liñas estratéxicas que serán desenvoltas en coordinación con outros departamentos da Xunta de Galicia competentes nesta problemática e coas forzas e corpos de seguridade do estado. A dita estratexia tamén contempla a participación e a implicación dos distintos colectivos que desenvolven as súas actividades profesionais e de ocio no medio rural, tales como os agricultores, gandeiros, e cazadores.

¿Que facer ante a sospeita dun envelenamento de fauna ou da colocación de cebos envelenados?

Os velenos utilizados ilegalmente polos infractores adoitan ser sustancias altamente tóxicas que poden afectar severamente ás persoas a través do contacto polas mucosas, feridas abertas ou incluso por inhalación. Por ese motivo, é moi importante non tocar nin manipular ningún posible cebo, sustancia ou animal envelenado que poidas atopar no medio natural.

Ao mesmo tempo, e debido a que un dos principais obstáculos para condenar ou sancionar aos infractores é a carencia de probas axeitadas que demostren a súa culpabilidade, todas actuacións de retirada ou movemento dos cebos ou cadáveres de animais envelenados deberán ser realizadas sempre por axentes da autoridade.

Polo tanto, se te atopas ante un posible incidente de envelenamento de fauna debes:

  • NON TOCAR o cadáver nin os posibles cebos envelenados.
  • REVISAR A ZONA se tes posibilidade, para ver se existen máis cadáveres ou cebos con veleno.
  • TOMAR FOTOGRAFÍAS, se é posible, da zona e dos cadáveres e/ou posibles cebos.
  • COMUNICAR O SUCESO o antes posible:

1. A través do teléfono de Emerxencias 112.

2. Chamando ás oficinas da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, entre as 8.00 e as 15.00 h de luns a venres:

- Servizo de Conservación da Natureza Coruña: 981-184585 / 981-184698

- Servizo de Conservación da Natureza Lugo: 982-294636 / 982-294894

- Servizo de Conservación da Natureza Ourense: 988-687299 / 988-386932

- Servizo de Conservación da Natureza Pontevedra: 986-805432 / 986-805437

3. Ou, fóra dos horarios de oficina ou durante os fins de semana, contactando directamente cos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre.

4. Tamén poderás comunicar o suceso ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil a través do teléfono 062

(Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Ordinación do Territorio. Xunta de Galiza)


Tamén vos deixamos un enlace á web do proxecto Life+ VENENO de SEO/BirdLife: http://www.venenono.org